TRES SEGUNDOS DE MEMORIA. (2006), Diego Ameixeiras

“POLÍTICA DE GASTOS

CONTRA TODO PROGNÓSTICO
e sen andarlle moito á pedincha, onte rematei a noite cunha descoñecida que resultou ser a miña primeira experiencia sexual tras dous meses, unha semana e tres días de insufrible marasmo. Mentres escribo isto, vexo pola fiestra que o sol volve distinguirse entre unha olimpíada de nubes negras que ata hai uns minutos descargaban chuvia e pedrisco con cruel ferocidade. Non estou en condicións de afirmar que esta mudanza meteorolóxica –quen sabe se con visos metafóricos–, vaia influír na miña andamiaxe anímica dominical, xa bastante apracible e sosegada neste momento de reflexión e autocrítica que me permito agora mesmo, pouco antes de me lanzar á lectura dos meus suplementos preferidos. Síntome excepcionalmente feliz e non importa que o sol brille no horizonte ou as nubes convoquen chuvia, porque unha procesión vitoriosa vai por dentro.
O abrigo alentador dos seus brazos e o recordo aínda tenso dunha lupanda sexual de calibre medio-alto como a de onte, ampárame neste domingo de pensamentos insidiosos, aliméntame con vibracións positivas que trasladar ás amizades máis desmoralizadas, desparasítame de rémoras existenciais e, se pecho os ollos, lonxe de contemplar naufraxios e revivir derrotas espantosas, enxergo o seu corpo espido ofrecéndoseme contra o mencer ao tempo que se me dispara a autoestima. O recordo mineraliza o meu espírito cun lumazo de enerxías revitalizantes.
Antes de darme unha ducha longa e propicia para a reflexión, o meu corpo aínda conservaba o seu arume de lumia escorrida polos fervores, sometida polo desexo de ser cincada sen retrónicas nin meandros efectistas. De volta á casa, podía recoñecer a súa fragancia marítima acumulada entre os recantos dos meus dedos, sensación que agora alimenta a miña confianza nun mundo menos cínico e máis proclive ao respecto polas diferenzas. Camiñando con despreocupación, lembraba o fumegar das candeas de incenso sobre unha columna de libros de temática libertaria, os motivos hindús pegados na parede e o
Bobby Brown goes down de Frank Zappa amparando un virtuosísimo esbouramento de carabuña. A sentenza quixo que triunfara a paixón enrabechada fronte á insipidez dunha vida que moitas veces se nos presenta átona e falta de emocións fortes, pero que debe “fluír sempre coma unha piscina olímpica de lava incandescente”.
O sol volve agocharse agora mesmo detrás das nubes. Sufro unha lixeira resaca, pero creo ter o cerebro minimamente habilitado para acoller algún que outro estímulo intelectual, sempre e cando sexa exclusivamente de carácter evasivo. Sobre a mesa na que apoio o meu vello ordenador, un número de teléfono apuntado nun papel, un paquete de tabaco, unha botella de auga mediada e unhas poucas moedas que, para o meu pesar, son os únicos restos do que onte foi un billete de cincuenta euros. Sumadas non alcanzan o valor dun solitario euro. Iso quere dicir que gastei nunha soa noite o equivalente ao prezo de moitos útiles domésticos que sempre desboto polo seu elevado importe. Ou moito máis do que pulo mensualmente en vitualla intelectual ou en concertos. Ou o mesmo que soltaría por unha peza de marca que, perfectamente escollida, sempre regala esa seguridade que un tamén desprende cando gasta camiseta do seu grupo preferido. Revisando o dispendio de onte, creo que se me está pondo a mirada triste e desafiuzada dos noitébregos que ven borrachos os espazos de teletenda. Tento facer un breve recordatorio de gastos.

Tabaco: 2,75 euros
Bebidas alcohólicas de diversa gradación: 25 euros
Hamburguesa nada reparadora: 2,50 euros
Invitacións para quedar ben: 8,50 euros (non inclúe o taxi ata a súa casa: 6,25 euros)
Profilaxia ad hoc: coa emoción, non lembro, pero cobráronmos supercaros


__________________________________________________________________

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s