Libros na biblioteca sobre os pazos.
Información sobre os Pazos de Cea e da Touza difundida polo IEM:
PAZO DE CEA. NIGRÁN RESEÑA HISTÓRICA.
Non se coñece con certeza a orixe do pazo nin o nome do seu fundador. Segundo investigacións levadas a cabo por Espinosa Rodríguez, nas que posteriormente se apoian a maioría de autores, sábese que a finais do século XVI era abade da parroquia de Nigrán D. Juan de Cea, Colexial de Fonseca, en Santiago, existindo actualmente tendencia a consideralo como fundador e primeiro propietario.
Unha partida de bautismo da parroquial de San Fiz proba que en 1599 vivían en Nigrán os Cea, non sabemos se emparentados ou non co abade Juan. Nela cítase, entre outros, este como testemuña, a Gregorio de Castro y Oya, señor de Piñeiro, en Peitieiros, capitán das forzas de Monterreal, rexedor de Baiona e alcalde maior da vila de Gondomar, cuxa filla María, unha dos doce nacidos do seu matrimonio con María de Carballido, co paso do tempo, casaría con Diego de Cea. Os descendentes deste matrimonio entroncarían, entre outras, coa Torre da Touza, en Camos, a principios do século XVIII. A casa de Cea sempre se mantivo en propiedade da mesma familia ata tempos recentes. Actualmente o pazo é propiedade dunha sociedade que tras rehabilitalo e acondicionalo desempeña usos de hostalaría e hospedaxe.
ARQUITECTURA.
O conxunto edificado, composto pola casa principal, capela, hórreo, pombal, fontes, adega e outras construcións secundarias, emprázase nun gran terreo amurallado e socalcado, posuidor de magníficos exemplares arbóreos, situado no barrio de Grolos, dentro dos límites da freguesía de San Fiz de Nigrán, descoñecendo nós, a día de hoxe, a autoría e nome dos mestres canteiros que interviñeron nas diferentes fases da construción.
O edificio principal, executado en pedra de granito de diferentes calidades e facturas, está estruturado en dúas alturas e, actualmente, presenta planta en forma de L, unha das tipoloxías máis utilizadas á hora de levantar estas edificacións tan propias da fidalguía galega. Agora ben, tras unha lectura atenta da materialización das fábricas dos muros e dos distintos elementos tipolóxicos que conforman o pazo, non sería desatinado falar de, polo menos, dúas grandes etapas construtivas.
Pódese comprobar que o corpo desenvolvido en dirección leste-oeste presenta mínimas, pero importantes, diferenzas respecto do que toma a dirección norte-sur. Así, mentres no primeiro os esquinais e os ocos rectangulares das portas-ventás do piso alto están recercados en moldura plana, algo moi habitual na arquitectura barroca galega, no segundo aparecen totalmente lisos, mostrando, non obstante, un tornachoivas na parte exterior do lintel, algo do que carecen os do primeiro corpo. Outra diferenza, nesta mesma planta, é a presenza dos balcóns pétreos, sobre elaborados canzorros, que unicamente ten a a leste-oeste. Ademais, tamén existen variacións nos ocos da planta baixa. Os da á este-oeste presentan mainel, os da norte-sur non; isto a maiores da mesma diferenza citada para os da planta superior. Todas estas consideracións e o xeito en como se unen ambos os dous corpos fan pensar que cada un deles se corresponde cunha época distinta, independentemente das variacións, modificacións ou ampliacións que ao longo do tempo se puidesen introducir en cada un deles.
Moi probablemente, a edificación inicial puido ser unha peza rectangular duns 20 m de longo por 8,50 de ancho, aproximadamente, de dúas plantas, que, en termos xerais, se correspondería coa actual a norte-sur. Na planta alta desenvolveríase a vivenda, coa cociña no extremo máis ao norte. A baixa estaría dedicada a usos secundarios. É posible, aínda con variacións, que este sexa o corpo do XVI.
O corpo este-oeste, a gran escalinata, o patín, o soportal, algunhas edificacións adxectivas, a capela e, por suposto, o portalón de entrada, son posteriores. Sábese, dío no propio lintel, que o portalón foi construído no século XIX, concretamente no ano 1813, sendo propietario D. Bernardo de Cea Añel y Romay, pero non está confirmado que as obras de reforma acometidas por este a finais do XVIII abrangan a totalidade das citadas, aínda que hai autores que o consideran así.
Son pezas con suficiente entidade e importancia, complementarias para o conxunto, polo menos, as seguintes:
O Portal de acceso ao eido, situado a nacente do pazo e enfrontado directamente á monumental escaleira-patín, a cal, coa incorporación da á leste-oeste, queda situada ao vento norte tal e como é habitual na arquitectura paceña. O portalón, con oco alintelado, presenta tres escudos coas armas de diferentes liñaxes entroncados coa familia, representando o central e máis alto a casa de Cea. Remata con trazada que lembra o barroco portugués, e introduce motivos formais próximos ás placas recortadas do compostelán.
Arrimada ao portal, e cunha porta directa dende o camiño exterior, aparece a capela. O frontis, moi sinxelo, de composición absolutamente simétrica segundo un eixe vertical, presenta sobre a porta unha fornela que en tempos acolleu unha imaxe da Virxe das Angustias, e remata nunha sinxela espadana. Enfróntase ao patio que esboza o ángulo nordés da casa. Actualmente está en proceso de rehabilitación. Xustaposta á capela atópanse un alpendre, hoxe rehabilitado, e a antiga adega, con dous lagares, mostra do poderío agrícola que posuíu, esperando quenda.
Das demais edificacións adxectivas, destacar a fonte brasonada (1841) e os distintos tanques graníticos cos correspondentes percorridos de auga, o impoñente hórreo e o pombal de factura cilíndrica, acaso os máis habituais, como, por exemplo, o da Pousa de Vilarés, en Vilaza, Gondomar. Abundan menos os prismáticos, como o do pazo de Cadaval, en Santa Cristina d´A Ramallosa, Baiona.
Por último, dicir que como consecuencia das necesarias obras de adaptación para usos de hospedaxe e hostalaría que se están a levar a cabo incorporouse algunha peza de nova planta e prevese rehabilitar e adaptar todas as preexistencias. Nesta casa, declarada Ben de Interese Cultural con categoría de monumento en 1978, que mantivo os panos de cachotaría dos muros exteriores recebados en branco ata a primeira metade do século XX, viviu durante máis de dez anos a escritora Elena Quiroga, terceira muller que conseguiu ser membro da Real Academia Española tras María Isidra de Guzman e Carmen Conde, e autora, entre outras, da premiada novela Viento del Norte (1950).
TORRE D´A TOUZA. CAMOS. RESEÑA HISTÓRICA.
De novo, para falar da cronoloxía histórica, citaremos a Espinosa Rodríguez. O terreo no que se construíu este pazo era no século XV do Cabido de Tui, aforándolla este, en 1568, ao fidalgo escudeiro Vasco de Godoy, quen, en 1613, llos doa ao seu sobriño Gregorio Vázquez Ozores, capitán en Flandres, a condición de que sanee os seus bens que estaban tomados por créditos ao Cabido. Gregorio Vázquez realizará notables reformas na casona, existente xa a principios do XVII sen que se coñeza dende cando, aínda que seguramente a partir do XV, e construirá a torre. Tamén fundará morgado sobre a casa e outros bens. O seu fillo e herdeiro, Francisco Vázquez, aos 15 anos de idade, casará con Isabel Pereira de Castro, neta de Gregorio de Castro y Oya, xa citado ao comentar o Pazo de Cea, e establecerá residencia na Touza. Esta liñaxe entroncou, por casamento, co Pazo de Cea na primeira metade do século XVIII. A Touza mantívose en propiedade da familia fundadora ata a primeira metade do século XX. Actualmente, pazo e terreo están vinculadas a usos de hospedaxe e hostalaría.
ARQUITECTURA.
O pazo sitúase na parroquia de Santa Olaia de Camos. As terras, cortadas pola estrada que dende Panxón se dirixe a Vincios e pola que, dende esta, sobe á parroquia, uns 41000 m2, xa non pertencen ao pazo, conservando este uns 25000 m2, aproximadamente, cercados por muro de cachotaría de granito. No lenzo sur deste peche, dando fronte á estrada de Panxón a Vincios, sitúase o portalón principal de entrada, que orixinariamente estaba emprazado, dende 1651, ano en que foi construído segundo di observou Espinosa Rodríguez nunha inscrición existente nel, dando fronte ao antigo camiño que corre paralelo ao lenzo norte; xusto debaixo do vello e fermoso piñeiro manso, dando fronte á escalinata e patín principal de acceso á casa. Segundo conta Valverde Alonso, o traslado fíxose a inicios da segunda metade do século XX, sendo propietarios Rafael Barreras e Roberto Masso quen, no momento do cambio de lugar, repuxeron as catro figuras humanas, en distintas posicións, que, antes de seren roubadas, coroaban o portal a ambos os dous lados do aínda conservado escudo, en cuxo campo mostra as armas de Pereira de Castro, Falcón, Ozores e Sotomayor. Hoxe volven estar parcialmente desaparecidas. O portalón daba paso a un patio no que se situaban, á dereita, as antigas cortes e, de fronte, a casa.
A día de hoxe, a casa forma parte do tipo de pazos con planta en forma de L. No ángulo interior, a norte, emprázase a escalinata de acceso e patín; no exterior, a suroeste, a torre. Sen que se coñeza o nome de ningún dos mestres canteiros que ao longo da extensa historia do edificio contribuíron á súa construción, sabemos, xa se dixo, que a torre foi construída na primeira metade do XVII, sendo propietario o capitán Vázquez Ozores. Esta, de planta cadrada, está resolta en cachotaría de granito, reservando a pedra labrada para fitas, recercados de ocos, balconadas e cornixamento de remate. Culmina con troneiras nas catro esquinas para desaugadoiro da cuberta e, máis arriba, unha sobrecornixa na que apoian unha fileira de ameas interrompidas nos catro ángulos por escudos ben labrados, cos campos sen armas a excepción do nordés que presenta as dos Troncoso e Ozores, e timbrados por coroa ducal voada. A fachada sur da torre resólvese, ao redor dun eixe vertical de simetría, con dúas ventás provistas de mainel e tornachoivas no parteluz, na planta segunda; porta-ventá de acceso ao balcón, con mainel e tornachoivas, en planta primeira; e porta en planta baixa. A fachada oeste ten o mesmo tratamento, coas seguintes variacións: na planta baixa a porta substitúese por dúas pequenas bufardas, e as outras dúas plantas resólvense cos mesmos elementos pero invertendo as plantas. Na fachada norte, mirando ao patio dende o que se accede á cociña, unicamente presenta un oco circular. Baixo este oco, xa na segunda planta, atopábase embutido no muro a arca ou caixa forte da casa, segundo conta Valverde Alonso. En todo caso, a torre, igual que noutros pazos do barroco galego, xustificase máis por razóns socio-económicas e de poder que por cuestións militares.
Como xa apuntamos ao inicio, é posible que a torre se adaptase a un núcleo inicial, quizais do século XV, hoxe dificilmente recoñecible. Se acaso os ocos apuntados do muro norte que, nunha solución acertadísima, pecha o patio de acceso á cociña e xeometríza de xeito claro o brazo curto do L puidesen recordarnos formas procedentes do medievo, aínda que nada disto está constatado.
Sábese algo máis, non moito, de obras coetáneas ou posteriores á torre. Así, a capela, con planta e volume maxistralmente integrados no sólido capaz da casa, estaba construída e acondicionada para o culto, cando menos, en 1683, segundo noticias coñecidas da celebración nela da voda do neto de Gregorio Vázquez Ozores. A capela, con orientación contraria á tradicional na arquitectura eclesial, dá fronte a un minúsculo adro que á vez é relanzo e arranque da escalinata que desembarca nun patín cuberto onde se sitúa a porta principal de acceso á casa. O máis destacado da fachada da capela é a decoración vexetal que rodea á fornela situada sobre a porta rectangular, que, en tempos, acubillou unha imaxe da Virxe da Asunción, hoxe substituída. No interior só se conservan restos moi deteriorados dun teito de madeira policromada. Como consecuencia das obras efectuadas no século XX desapareceu a antiga escaleira que dende a sancristía comunicaba coa planta primeira, dende onde, á súa vez, pódese acceder a unha tribuna emprazada aos pés da capela.
O patín sobre soportal, con balaústres graníticos de moldura simétrica respecto do eixe horizontal, e columniñas toscanas sobre as que descansa un telladiño con estrutura de madeira, ten moita relación formal coa solaina orientada ao sur, chegando a ser os balaústres totalmente iguais. Non existe dato documental nin bibliográfico respecto do ano de execución destas pezas pero observando con atención detéctanse motivos decorativos propios do barroco compostelán moi habituais no século XVIII, tales como as placas recortadas que aparecen ao pé das columnas, polo que a datación destas pezas non podería ser anterior a ese século.
A última peza de mención obrigada é a bela e monumental cheminea, cuxa altura, ademais das razóns apuntadas para a xustificación da torre, podería deberse á busca dun bo funcionamento do tiro, precisamente pola obstrución que a torre significa para os ventos dominantes.