“O FORASTEIRO, COXEANDO, procura acubillo baixo o lintel da porta principal da igrexa ante o repentino corisco. Entrementres, no porto, os mariñeiros, que carrexan as patelas de peixe polo peirao, ignoran unha escarabana á que xa están afeitos e continúan coa súa traballosa angueira, que nos mercados e prazas do reino agardan, ansiosos, polas gorentosas sardiñas de Noia. En casa do defunto, o párroco decide que a comitiva do enterro agarde a que escambre para encamiñárense ao camposanto, que vén de estrear unha casula recamada e non quere que se lle estrague. Xa que a bategada non cesa, o estraño entretense admirando o tímpano policromado no que, baixo dous anxos turiferarios, a Virxe sostén ao neno encol dos seus xeonllos, ficando á súa dereita os tres reis, e á súa esquerda, o seu home barbado e un mitrado de xeonllos. De socate, o ceo estiña como por intercesión divina e, apoiado no seu caxato, diríxese á quintana ateigada de laxas arrombadas en ordenadas ringleiras arredor dun impoñente baldaquino de pedra que abeira un traballado cruceiro. Os mariñeiros, rematada a xornada, encarréiranse ás chancadas cara aos postos dos soportais da praza do Curro, para mercar viandas coas que combater a canseira. O cortexo fúnebre, encabezado polos acólitos e polo párroco coa súa casula do trinque, principia a súa andaina en dirección ao adro de Santa María a Nova, onde agarda aberta unha foxa enchoupada para o ocupante do cadaleito que carrexan, con esforzo, os seus apesarados amigos e veciños.”
1 comentario en FESTINA LENTE. (2008). Marcos S. Calveiro
FESTINA LENTE. (2008). Marcos S. Calveiro
Unha resposta a “FESTINA LENTE. (2008). Marcos S. Calveiro”
-
[…] Festina lente. […]