AS ESCOLAS DE FUNDACIÓN EN GALIZA. (2007), Luís Obelleiro Piñón

Cuberta do libro.

O autor, Luís Obelleiro Piñón.

“SAN MAMEDE DE Priegue

Fundada en xullo de 1701, polo doutor Juan de Armida y Puga, cóengo maxistral do púlpito da catedral tudense, natural do Couto de Priegue, na honra de San Xoán Bautista.
Entre outros motivos, entendía o fundador que por experiencia sabía que por falta de boas escolas e mestres os nenos deste país criábanse con moitos vicios e faltas, así no xeito de pronunciar, como no de escribir, sendo moi difíciles de corrixir despois, malia que pasasen, seguisen estudando ou se integrasen en comunidades, ou estados relixiosos; para o que, parece ser, que eran “muy aptos y proporcionados”.
A escola emprazouse no lugar de Lamelas, e Pedregal debaixo da Chanciña, rodeado de casas e camiños, e a carón da estrada real que pasa de Vigo a Baiona, aproveitando a gratuidade dos terreos do baldío.
Á escola podían acudir os nenos e nenas do couto e da comarca de calquera idade e condición. O mestre debía ensinar doutrina cristiá e santo temor de Deus, ler, escribir e contar, fixándose no bo modo de pronuncia e escribir, gardando as regras de ortografía. E para que os nenos se fosen afacendo á lingua castelá, utilizaríanse bos tratados e libriños impresos.
Para ser elixido mestre tiña que ser sacerdote ou, cando menos, ordenado de orde sacra, salvo que se presentase algún estudante preparado se se comprometese, nun tempo prudencial, a ordenarse. Tal circunstancia era debida ás múltiples obrigas relixiosas que se lle encomendaban.
O mestre non podía desempeñar actividades que lle impedisen cumprir coa súa obriga, por tanto debía evitar participar en arrendos ou administración de rendas, nin no cultivo da facenda da mesma escola, excepción feita do terreo que circundaba a escola, algunha viña, e as tomadas para a leña.
O patrón era o mesmo da capelanía e vínculo de Lamelas.
A desamortización de Carlos IV non lle afectou os seus bens, despois de apelar o patrón ás regulamentacións que poñían nas súas mans, sendo como era un padroado de sangue, ou dispoñer ou non a súa venda. Entendeuse, por parte das autoridades que a escola era un padroado de sangue activo, se cadra, porque o patrón do vínculo de Lamelas era o mesmo ca o da escola. Ou, talvez, o padroado da fundación escolar puido anexarse ao vínculo.
Entre 1816 e 1819 a escola permaneceu sen actividade. A renuncia do mestre Miguel Antonio de San Román, presbítero de Panxón, facilitou que o patrón, o tenente do Rexemento provincial de Ourense Juan Ramón Vallejo y Ulloa, como apoderado de Juliana Correa, veciña de Baiona e administradora en ausencia do seu fillo, pretextando a realización dun inventario dos danos da fundación e morgado de Lamelas, se apoderase da casa, lugar e terreos pertencentes á escola. Os apoderados de San Mamede de Priegue protestaron esta decisión ante o xuíz, e os mesmos veciños testemuñaron que a escola estaba pechada.
O patrón viuse na obriga de convocar unha praza de mestre. As bases da convocatoria modificaban as cláusulas da fundación toda vez que se pretendía que o mestre ensinase no seu domicilio particular, ou en caso de que quisexe utilizar a escola, asegurase, mediante fianza a subsistencia da casa. Incluso se fixaba a xornada lectiva de dobre sesión, pola mañá de oito a once horas, e pola tarde de trece a dezasete.
Porén, en xullo de 1819, o abade de San Mamede de Priegue queixábase de que o patrón nada facía para nomear o novo mestre, malia os mandatos xudiciais, e da convocatoria formal.
En 1821 foi nomeado interinamente o subdiácono de Priegue, Manuel Antonio Rial.
En 1836, a escola foi clasificada como de cuarta clase sendo mestre da mesma o presbítero José Manuel Barros, aprobado con título rexio, e con nomeamento do patrón. A súa dotación era a seguinte: casa para vivenda e para o ensino, suxeita a danos; trece arrobas de viño e cincuenta e tres ferrados de millo. Desa cantidade debía deducir: por pensións catro ferrados e medio e unha cuarta de millo, dúas de centeo, e o valor de trinta e unha misas, que debían dicirse na capela do morgado, e as contribucións. Posteriormente, a escola foi cualificada como elemental incompleta.
Nesta escola produciuse unha das poucas expulsións temporais dun mestre que teñamos rexistrado. José Otero, por estar incurso nunha causa e mentres non acreditase a súa inocencia foi suspendido do exercicio da docencia, en outubro de 1838, coa obriga de abandonar a casa propiedade da fundación, que o cura, como mestre substituto, esixía, e o concello recomendaba, polo menos en horario lectivo.
Finalmente, en setembro do 1839, ao recuperar os seus dereitos como cidadán, foi reposto no cargo.
Os terreos rústicos e urbano alleados a consecuencia da desamortización de Pascual Madoz supuxeron un valor de 6382 reais, pagados a prazos en 1864, e as rendas forais foron redimidas por 6016 reais.
Na relación de 1909 a fundación benéfico-docente de Priegue reflicte o seguinte capital:
Inscricións: 1653,68 pesetas
Total: 1653,68 pesetas
Renda anual: 53,12 pesetas”

P. 332-335

As escolas de fundación en Galiza: unha necesidade social de alfabetización: o caso da provincia de Pontevedra, de Luís Obelleiro Piñón.

________________________________________________________________________

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s