AQUELES ANOS DO MONCHO. (1977), Xosé Neira Vilas

“HOUBO UN RUXE ruxe de medos e carreiras; un ir e vir de falas tremantes e de mans en alporizo. Varios veciños, levados polo instinto e sen moito cavilar, buliron a esconderse: no alpendre, nunha cortella fonda, debaixo das lousas do hórreo.

Tal abrouxamento era causado pola presencia insólita do zepelín, aquel dirixible que os alemáns botaran a voar, xusto por derriba da aldea. Polo seu feitío algús chegaron a comparalo –cando voltaron do grimo– cun porco inmenso. O estrondo fixo estalar vidros, e houbo intres en que a xente no agro tiña de falar a berros, de suco en suco, pra se ouvir.

Moncho non tivo medo. Estaba enredando na cociña con sua irmá Felicia, tres anos máis nova ca el, mentres a nai arrolaba no berce ó pequecho que non tiña acougo naquel teimoso badúe choriqueiro. E foi nesa o do estrocinio. Salvo o coche de liña Santiago-Lalín, algún camión con madeiras, e a máquina de mallar (unha vez ó ano) non había rebumbio de motores na aldea. Aquelo era coma un terremoto, algo endexamais visto na comarca.

A nai colleu no colo ó boneco chorón, e todos catro rubiron as escaleiras e atravesaron o coarto, amplo e único, até chegar á xanela. Alí se quedaron como esteos. O meniño deixou o choro; Felicia, engruñada e fungona, veña de perguntar cousas que non tiñan resposta. E Moncho, coas mans case encolgadas no peitoril, ollaba abraiado aquel acachoante monstro voador que avantaba por derriba da viña e das cerdeiras…”

(Comezo de Aqueles anos do Moncho)

___________________________________________________________________________________

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s